29/06/2012

Desenguedellando fíos

A meirande parte das veces deixamos nacer e medrar esperanzas infundadas que distan moito de converterse en verdadeiras. Creamos ideais que nos conveñen e nos converten en escravos do ficticio a causa das falacias dos nosos pensamentos. Aprendéronnos dende nenos a crer en contos de fadas, quedámonos con películas que acaban ben e tantas outras e diferentes vías de auto-engano obviando a chea de patrañas que se mergullan na cachola. Se non espertamos a tempo do soño permanecemos ancorados a un mundo utópico, envoltos nuns ideais cargados de anhelos que se adapten a nós (de xeito egocéntrico) alcanzando a confusión máxima cando o guión planificado dentro do subconsciente é tan diferente ao que acaba ocorrendo ao final. Dá a impresión de que nada se adapta ao que cremos necesitar pra sentirnos ben, felices... cando temos que ser nós os adaptados ás circunstancias e aproveitar eses pequenos intres tan fermosos que deixamos de percibir por esperar o que dita o maxín. Sentímonos defraudados, como se fose posible que os demais tivesen a capacidade de ler a mente pra saber en cada momento como nos gustaría que actuasen para con nós, que nos entendan e comprendan sen necesidade de explicarnos: "Se cho digo xa non é unha sorpresa e non me fará ilusión", esa frase que todos nalgún momento da vida pensamos ou dixemos porque alguén non chegou a entender esa parte soñadora que pedía a berros dende dentro ser escoitada e xamais pronunciada en voz alta.
E a bola de la medra e medra mesturando cores até deixar de diferenciarse entre si dentro da madeixa. Enguedellámonos formando un lío que semella imposible de desfacer, até que chega o día en que dás o valente paso e decides enfrontarte a ti mesmo (pra quen chega, pois hai xente que se conforma coa inercia da vida) pra ir sacando pouco a pouco cada fío, pequenas boliñas ordenadas e clasificadas de cada recuncho de quen es realmente, e o que podes chegar a ser ou non con total aceptación propia e de outros. E aí chegan eses intres de longas análises e introspeccións pra comezar a tecer, cal Penélope. Parece que nunca remata o labor, máis con miúdas tarefas imos abríndonos correctamente a crúa realidade.

22/06/2012

Chegará o día?

Esta andaina comezou no 2007, quizais no momento en que a catarse chegou ao seu punto álxido sen saber que rumbo tomar. Presa de emocións confusas sentín a necesidade de ir á pesquisa de respostas dentro da consciencia nun intento de descubrirme a min mesma, pode que por primeira vez de xeito profundo. Incapacitada por ignorancia e, confluíndo en explosións nada dicotómicas da mente e o corpo en conxunción, tentei indagar na procura do autocoñecemento que noutrora pensaba que non precisaba con tanta intensidade.

De aí a segunda entrada neste trebello, a súa orixe: Autocoñecemento.



Sigo no camiño, dá a impresión que nunca se chega á (variable) meta, máis con cada intento e cada experiencia fórxase a persoa que quero ser pese a etapas de altibaixos que ninguén entende, agás eu (agora, despois de duras probas). Non pretendo impresionar a ninguén con esta busca, só a min mesma. Procuro dar o mellor que teño, ás veces un pouco cansa de volcarme en quen non o valora, pero pra algo está a aprendizaxe (mentres non chegue o día en que decida mandar todo e a todos á merda en plan egoísta e aillarme no monte). A batalla é ardua e a expectativas non sempre están á altura do que cremos merecer, porén se algo non ocorre do xeito en que agardamos é que non tiña ou ten que ser así, outras mellores han vin cando esteamos preparados. Fóra lastres e indecisións, custa, pero aí vamos.

16/06/2012

Sempre un mesmo

Detrás de cada indecisión hai un "non"; detrás de cada traba, unha aprendizaxe; detrás de cada temor, unha mala experiencia; detrás de cada frustración, un pouco de ego; detrás de cada ollar, unha verdade; detrás de cada palabra dos demais, os nosos pensamentos; detrás de cada feito, sentimentos...

Defínennos os nosos actos, escondémonos tralas palabras ou silencios, ofertamos o que queremos ante outros con medo a descubrirnos, pois cando se fai córrese o risco de levar unha boa labazada onde a estima que cremos ter se vén abaixo. Quero ser sempre eu mesma, pese a todo, aínda que o resultado non sexa favorable ou o esperado, ou iso non o vexa até que o correr do tempo faga que me decate de que iso non era o que tiña que suceder. Os cambios sófrense, as expectativas caen, as ilusións esvaecen, máis todo é temporal. Con aguante e confianza na túa propia valía o universo equilibra o que ha de ser, deixando atrás o que non nos está destinado.

Quen te queira vai estar nas boas e nas malas, buscando o diálogo e a comprensión pra avanzar; quen non, verá problemas por todos lados. Desexo que a viaxe neste camiño chamado vida sexa pra obter o que cada un necesita, encontrar o sentido de estarmos aquí. Boa evolución!!!

15/06/2012

Na burbulla temporal da imaxinación

Os corazóns da parede latexan por veces protestando pra saírse do seu peito de baldosa e cemento, as rás case invisibles da bañeira non croan ou estou xorda, a roupa da cama foxe pra non abrigarme, as estrelas do teito non queren brillar, os libros queren falarme, os tenis nos meus pés non me piden camiño e todo iso ocorre ao abeiro do mundo mentres as bágoas do ceo caen de xeito lento, triste e a destempo.

Tanto escapar pra que algo me persiga unha e outra vez dicíndome que acepte os medos, tantos erros dos que aprender, tantas bágoas que derramar, tantos malentendidos que solucionar, tantas formas de ser que entender, tantos sorrisos que recuperar, tantos temores que afrontar... e así, perdida sen saber cara onde tirar, volvo á burbulla por pequenos espazos de tempo rodeada de obxectos que crean vida na imaxinación: entre colgadores da bañeira con forma de corazón suxeitos por unha ventosa incapaz de resistir o peso da esponxa e do guante de crin, bechiños de plástico transparentes con forma de rá pra non esbarar dentro da bañeira, a cama que se desfai de tando dar voltas dentro dela entre incertidumes, estrelas luminosas sen colocar no teito a raíz da mudanza e non saber onde están, os libros que teño que ler e estudiar, a apatía do día chuvioso neste mes que toca cálido quitándome o desexo de saír a correr. 

Seguirei de vez en cando entre soños como unha nena que descobre a fantasía por vez primeira podendo mudar a realidade dentro dos miolos, ausentarme uns minutos onde voar e sentir sen que nada nin ninguén a magoe. Cada quen ten a súa técnica de desconexión, esta é a miña.

07/06/2012

Vibracións e vibracións

Ás veces sorpréndome do máis irracional envolta en paranoias creadas dende o subconsciente por vivencias ou por simples medos hiperbolizados de tanto rumiar neles. O chip do "coco" precisa recambio, aceptar quen son e mudar pra seguir adiante con forza e sen autolimitacións.  O sábado toca "reset", un reinicio de nós mesmos cal computadora que disque te fai ser consciente de todo iso e avanzar porén ando algo escéptica de máis (soa moi milagreiro) pese a recoñecer que a mente manda, iso seino ben pois o somatizar emocións no corpo dáseme que nin pintado e quizais é tarefa de cada un ou de psicanálise ou psicoterapia. Cancelar, cancelar, cancelar!!! -que diría a "Pajuel" pra evitar pensamentos negativos que se volvan realidade, que o que tememos volve unha e outra vez até que logramos saltar o pequeno chanzo convertido nun muro enorme. A "finde" pasada  repetiunos ela no curso que somos enerxía e vibramos, e segundo a onda que transmitimos atraemos hacia nós o que pensamos. Diría que me sinto coma un móbil con iso da vibración, pero prefiro tirar por outros obxectos de pracer.

Se temos medos, eses veñen unha e outra vez até que os aceptamos, aínda que ao observalos dende o eido lóxico, están aí porque deixamos que medren sen parar por recuar e non enfrontamos a eles. O que queda claro é que esteas onde esteas, por moito que pareza que quedan atrás na distancia, todo se vai contigo. 

Xa veremos como vai o asunto, non te perdas o próximo episodio. XD