05/04/2012

Loitar por loitar

É inevitable botar a vista atrás cando, despois de tanto tempo agardando e un pouco farta xa de loitar sen ver resultados, as solución aparecen. O entusiasmo do logro esvaécese, perdido entre tortuosos labirintos cara o destino soñado. O alivio que se esperaba fica feble, os chimpos de ledicia non acoden, as dúbidas dos resultados instálanse na mente e, tras moito meditar, chegan as análises das circunstancias dos momentos vividos, nos porqués non se daren no intre en que as precisabas como o aire para respirar.

As regresións no tempo revelan as leccións aprendidas nun esforzo actual por comprender que todo o que acontecía ate chegar aquí, tiña que ser dese xeito. Porque non é o mesmo pedir que algo aconteza sen mudarmos antes actitudes ou, sinxelamente, porque o camiño que transitabamos non era o correcto. O que sempre digo, nadar contra corrente afoga, deixarse levar faite chegar á beira e a última conclusión á que cheguei: o estar no medio equivocado. ¿Por que meterse nun río cheo de rápidos cando tiñas acceso a un sosegado mar, unha piscina ou unha pequena bañeira? Imprescindible saber os nosos dons e onde e como utilizalos.

Empeñámonos en conseguir obxectivos moi altos e meténdonos ata o pescozo dentro da adversidade… ¿como ser capaces de movernos cara a algún lugar? A vida lévanos por onde debemos ir, se non o vemos ou negamos a realidade sufriremos por querer subir á cima cun só paso cando hai que empezar a andar dende a ladeira. Agora doume conta e, logo de tanto caos, volvo a empezar de cero. O importante, que nunca é tarde para facelo, que se non queres velo dende un principio, volverás atrás e así sucesivamente ata espertar.