29/12/2011

Con e sen...

Con amor o mundo é máxico, imaxinativo, alegre, soñador, fantástico e un sen fin de adxectivos positivos. Sen el: drástico, triste, amargo, baleiro, sen futuro... Por que precisamos ser parte de alguén? Por que non nos abonda co que somos por nós mesmos? Acaso somos o reflexo de como os demais nos vén? E así continúan os interrogantes. Cando crecemos desvinculámonos de afectos familiares, precisamos sentir a liberdade como algo que nos pertence por lei. Porén se estamos un tempo sen eles acostumámonos e comezamos a descubrir aos poucos quen somos. Se, pola contra, enganchamos un vínculo con outro a dependencia afectiva consúmenos converténdonos en seres incapaces sen afectos visibles. Tamén é certo que nos sentimos parte do que nos rodea porque alguén está aí, alguén que nos ve, nos sinte e nos percibe. Sen os demais non existimos porque eles forman parte do que somos en toda a esencia do noso ser, incluíndo todos e cada un dos adxectivos que nos definen.

Tiven un Wilson fai anos atrás, unha estreliña amarela e grande cun enorme sorriso adornado na súa face de tea a modo de coxín. Púxenlle ese nome pola película de Tom Hanks, "O náufrago". Recordo a súa soidade, o falar só e actuar de xeito triste e tolo por non ter ninguén con quen compartir nada nesa illa deserta abandoado ás mans de... non sei quen (diría Deus, máis non creo na súa existencia). No seu caso, o compañeiro era unha pelota de voleibol (creo recordar), poñéndolle ese nome por ser o impreso con letras da marca rexistrada.

Non estamos sós no mundo, aínda que ás veces así o pareza. Aillámonos por decepcións, medos, frustracións e outras fobias que pensamos que ninguén poida entender. O que si teño claro é que quen me queira será polo que son, non polo que poida aparentar. E aí xa estou aillándome de novo... máis sigo soñando con quen me queira tal e como son (e eu corresponda, claro, aínda que soe egoísta) , cos meus defectos e virtudes, senón non sería eu mesma, sería de todo menos humana. Máis tamén sei que hai silencios, excusas e "non presencias" que o din todo. Seguirei sendo unha náufraga.




Propósitos de ano novo = fume entre as mans

Nos últimos días de cada ano a balanza do vivido reaparece como por arte de maxia. Matinamos no que fixemos ao longo del, e sobre todo, no que deixamos por facer. E segundo pra onde se incline o seu peso, pra un lado ou outro, cargamos de replantexamentos o noso cerebriño de se realmente somos, vivimos ou sentimos como nos gustaría. Volven os "tiña que": facer máis deporte, comer de xeito máis saudable, deixar de fumar, ser máis positiv@, deixar de tratar con xente á que lle importamos unha merda, retomar hobbies, centrarnos máis no que verdadeiramente nos fai felices, etc., etc... Cantos propósitos de muda se perden no camiño á espera do momento oportuno, no fuxidizo dos segundos, minutos, horas, días, semanas e meses, pra baternos coa realidade no seu final, facéndose presentes nese intre de despedida e recordándonos o esforzo que supón tentar retomalos no seguinte ano que comeza. Tantos soños, ilusións que se esvaecen como fume entre os dedos das mans.

O cambio de ano non é máis que un número, o último de catro cifras que toca sumar por un máis. Tomámolo coma unha orixe, unha nova oportunidade, un comezar de cero... cando realmente cada día é único e non volve. Vou deixar os propósitos, desta non vou raiarme nin pedirme nada. Cada amencer pode ser o que estaba agardando pra mellorar.

E como comecei falando da "balanza" do vivido venme á cabeza esta canción que tanto me gusta de Rocío Dúrcal, pois leva dita palabra no título.


Que carallo queremos?

Cando temos algo non o queremos, rechazámolo e buscamos a saber o que... Que carallo queremos entón? O fácil non serve, o difícil buscámolo con paixón. O rotineiro mata, o especial non acaba de encher. Con todo iso, volvo a preguntarme unha e outra vez as mesmas cousas. É un nin contigo nin sen ti. Unha difícil busca, un extravío do verdadeiro camiño, do que temos diante dos fociños sen poder velo. E así, volvemos a comezar "once again". Somos seres estúpidos, cun cerebro cheo de merda que custa limpar, cunha vista borrosa que nos impide discernir do que está aquí e agora. E deste xeito, volveremos a tropezar. Cando sexa tarde o mundo xa terá dado tantas voltas que non haberá Superman que rodee a terra pra facernos retroceder no tempo. Pode que veñan os lamentos, os minutos vanse, non agardan por ninguén, pero así é a vida: arriscar pra gañar ou perder.


22/12/2011

A tele apagada

Levo dende o mes de xuño sen acender a tele. Foi chegar o bo tempo a Catalunya pra facer o cambio da caixa "tonta" por ir ao Pantano de Sant Antoni, moito máis divertido e relaxante, onde se enlazaban tardes de piragua, pedaletas, piscina, lago, ximnasio e terraceo xunto con karaoke e amig@s ata a hora de durmir... A verdade é que estraño todo iso un pouco, a pesares de que o lugar era pequeniño de todo, con poucos habitantes e rodeado de montañas enormes da entrada do Pirineo. Busquei por Heidi un par de veces, pero paréceme que xa non vivía alí... (#toleríasdemar). Despois tocou Galiza no verán (vaia merda de verán, apenas fun 5 días á praia) e no sitio que estaba non había tele, así que xa non existía o problema de acendela ou non. Mes e medio despois de pisar terra galega tocou marchar a Toledo onde no piso de aluguer dun chalet dividido en apartamentos con piscina, e cunha conexión ultra rápida a internet non fixo necesario ver nada, agás o que descargaba da rede. Adoraba tamén saír a xogar partidos de frontenis, moito máis gratificante o deporte, onde vai parar!!!... Decátome que eses trebellos rectangulares son unha perda de tempo, invádenos a tele-lixo, programas de cotilleo horrorosos que nunca soportei cheos de retrasados mentais facendo de xornalistas e outros shows que dan noxo. Se me quero enterar do que pasa no mundo teño os xornais online, os de papel ou as redes socias onde hai xente que comparte todo tipo de información poñéndome un pouco ao día, diría que máis que na desinformación televisiva. E agora, en Galiza, xa é unha costume e non a boto de menos pra nada. Seguirei sen vela? A saber...




20/12/2011

Inexplicable

A lúa chea baixou pra converteme en loba, sentín tanto o seu poder aproximándose que os meus ollos reflexábana como se me posuíse. A friaxe do exterior xunto cos calafríos produto das súas extremidades puñan erectos un a un cada pelo do meu corpo, tanto que parecía como se houbese máis dos que me pertencen. A escuridade incitando aos meus instintos máis salvaxes, famenta de emocións e sangue aínda viva quentando o meu corpo ao ritmo de cada bocado. Deixada de cordura... escapando a todo control establecido. Libre e en harmonía coa natureza... Sentíndome coma unha besta sen razóns, perdida no seu corpo prendido en chamas cun fogo imposible de conter. Exhalación de lume infernalmente doce por cada poro emanado da súa pel mesturada coa miña, volcáns en erupción liberando lava de paixón. Lugares inóspitos convertidos en paraísos, desconexión da realidade, sen argumentos válidos que atendan a explicar cada movemento, cada suspiro, cada xemido... Mestura de almas, carne... liberación de desexos reprimidos.


19/12/2011

O botón "gústame"

Hoxe non sei de que falar, quizais ao longo do día se dixeron tantas palabras que chega o punto en que non saen máis, quedando en stand by. Recoñézome lareta, por momentos, máis adoro eses instantes de soidade en que me quedo unicamente comigo mesma, en paz do barullo que enche as rúas e todo o que me rodea. O que me fai graza é que sempre hai algo que soltar aínda que o son se esgotase, a nosa mente non ten paranza. Os pensamentos flúen, aparecendo ideas nesta inqueda testa: penso nesas situacións en que te atopas cun amigo ou amiga que fai tempo que non ves dando lugar a frases que se agolpan unhas enriba das outras, pisándonos mutuamente as verbas por ter tantas cousas atrasadas sen contar. Pola contra, tamén penso neses silencios cómodos de complicidade con alguén con quen non necesitas expresar nada, que te sente con só mirarte; en escoitar a alguén que precisa soltar lastre e ollar que co simple feito de asentir ou dicir monosílabos queda agradecido por saber que existe unha orella amistosa que procura entender e comprender, dándolle marxe pra aliviar as súas penas; en certos xestos graciosos que te fan desencaixar a mandíbula de tanto rir; nos sorrisos que te alegran o día; nas miradas pícaras que te encenden; nas apertas que te animan... Non sempre se precisan palabras, ao igual que no Facebook, con darlle ao botón "gústame" moitas veces é máis que suficiente.




Arrepentimentos

Remexendo no pasado dinme conta hoxe que non quero estar aquí, está todo tan revolto que boto de menos a muller que habitaba en min e o mundo que a rodeaba. Na busca do que cría carecer atopeime con que a incertidume é cada vez maior, porén necesitaba pasar certas fases. A bola de lá sigue medrando e medrando... e nin sequera merquei as agullas pra comezar a tecer. Teño a impresión de que non dou feito, que non avanzo, que ninguén me quere realmente e que a miña nena interior sentíase máis chea de vida, máis feliz noutrora. É ben certo que cremos que calquera tempo vivido foi mellor, e a angustia apodérase do meu corpo. O futuro é cada vez máis incerto, e nesta busca, pérdome cada día un pouco máis. Fíxanse obxectivos máis lonxanos, a inestabilidade crece, faltan os apoios, agrándase o baleiro... Como xa teño dito noutras entradas a este blog hai momentos de caos necesarios, que se fan eternos, pero que traen a calma despois. Quero ser diferente, estar mellor, sentirme querida, en fin... vivir sen arrepentirme do que fun e agora son.



18/12/2011

Das cintas á infancia

Despois de compartir unha imaxe no Facebook dunha cinta de radiocasete, viñeron outras imaxes do meu pasado á miña cabeciña. Parece que certos espazos de tempo vividos esvaecen na nada, máis sempre voltan, están aí agochados nalgunha parte do cerebro que nos fan retroceder cando salta á vista algo que nos somerxe de cheo no que criamos olvidado. E agora mergullada na infancia recordo as cancións que inventaba e gravaba para pasalo tempo, os arrotos que botaba, agora perfeccionados brutalmente, que me facían chorar de risa mentres llos facía escoitar a meus irmáns. Recordo tamén o estraña que se fixo escoitar a miña voz por primeira vez, tanto a cantada como a falada e non recoñecerme nela, sentíndome como outra persoa, pois sempre soamos de forma diferente ao que cremos soar. Tamén recordo a cinta de meu pai de Ana Kiro, eu enriba da mesa pegada á radio e escoitando unha e outra vez a “Galicia, terra meiga”, mentres me ollaban alegres vendo o que desfrutaba da música con só 3 aniños. Teño que recoñecer que o meu gusto se foi alienando, pasando de Ana Kiro a Rocío Dúrcal ata chegar ás voces negras de Boyz II Men, Whitney Houston, Mariah Carey…

Uns pensamentos lévanme a outros e tamén me paro a pensar en canto afecta o que pasamos na infancia pra nos converter en quen somos. Sempre existirá algo que nos marque, a sobre protección que existe no núcleo familiar é inestable, hai cousas que escapan ao control de calquera. Tamén que por moitos esforzos que se fagan acabamos sendo unha proxección dos nosos proxenitores e ao medrar é cando somos conscientes de todo iso. Ninguén está a salvo a pesares da boa vontade, o mundo é cruel. Bendita psicanálise, porque aínda que todo poida parecer que é o que toca, algo normal dentro dos marcos establecidos, existen lagoas das que ninguén pode manternos a salvo por moito que o neguemos. A busca de quen somos e quen queremos ser aparece, e sobre todo, non querer sentirnos ao 50%. Eu quero ser: 100%, así que seguirei buscando.



Ha, e non esquezamos sobre tódalas cousas, que a FELICIDADE non existe. Canto antes o saibamos mellor estaremos.


Quixera ser papel

Adoro como ule cada folla que compón un libro, inclusive máis cando ese rancio infire o seu toque de permanencia no tempo que o converte en reliquia. A cantidade de sabedoría, sentimentos, leccións, coñecementos, etc... que esconden no seu interior. Cada letra que se xunta formando palabras, parágrafos, páxinas e historias por descubrir.

A friaxe das novas tecnoloxías permítennos acceder a todo iso, pero nin punto de comparación con ese pracer de sentilo nas túas mans, de acariñar cada unha das súas partes mentres se avanza no seu contido.

Quixera ser papel, coa fraxilidade que conleva, cheo de fermosas e desagradables mensaxes impresas coa tinta da vida, con todas e cada unha das experiencias pasadas, que fan o libro que son. Un libro que sigue a escribirse pouquiño a pouco, sen saber que terá que contar nun futuro e menos aínda en que punto terá a palabra "fin". Todos somos libros andantes, coas nosas vivencias, medos, alegrías, fobias e todo o que se poida imaxinar. E ti que queres ser? As simboloxías poden variar, e aínda que soe sumamente "cursi", así é como o vexo eu hoxe. Formamos parte da biblioteca da humanidade, do universo. Escribamos xuntos e adornémolo con debuxos, quedan moitos relatos por contar.




14/12/2011

Imposible de saber...

O bus corría diante miña sen deterse, non había ninguén máis na parada, agás unha servidora que tiña que estar dende fai cinco minutos agardando nese punto pra collelo. Non fixen nada, nin un aceno coa man, nin unha intención de correr pra ver se o pillaba, só un berro seco sen son que quedou a medias entra as cordas vogais e o aire preciso pra que se ouvise. E véndoo fuxir na súa dirección de cada hora, máis ou menos exacta, desapareceu diante dos meus ollos. Freei máis o paso e entre a incertidume do que tiña que ter feito e o que acabara ocorrendo fíxome cavilar en outros aspectos da vida que ocorren por non estar no momento exacto e no lugar exacto en que teñen que xurdir. Facemos realmente todo o posible en certas ocasións pra que se dean as circunstancias que queremos? E se non o facemos, en canto pode mudar a nosa situación? Quizais deixei de toparme con esa rapaza coa que comezar unha conversa dentro dese medio de transporte que nos faga amigas, ou que a espera ao seguinte me faga coñecer a outras persoas diferentes que me aporten nada ou algo novo e interesante... por que se rexe o destino dese xeito? Somos os culpables ou son casualidades sen control? E aí comezou o curso de preguntas que nunca terán resposta, porque hai cousas que ocorren inclusive pola minimez de botar uns minutos máis na ducha ou de desfrutar o almorzo con tranquilidade sen que se quede de pé e bailando no estómago. Pensamos que o temos todo medido e non é así. Todo e todos os que acaban aparecendo nas nosas vidas dependen das nosas accións e sen lugar a dúbidas do incontrolable de cada situación. Sigo pensando neses libriños que lera cando nena no colexio das monxas da miña terra, libros que variaban segundo o camiño que escolleses a seguir segundo as opcións que che ofrecían. Que tería sido por segundos insignificantes e tan trascendentes? Aí queda...


A historia de "non xulgar"

Tiña as tapas dun vermello rechamante destacando con forza sobre o resto. A elegancia das letras en dourado e de grande tamaño chamaban aínda máis a miña atención entre outros libros escuros, sobrios e tan sosos que nada significaban nese intre pra min, aínda que de seguro o contido fose totalmente diferente ao que aparentaban. Non o pensei nin un segundo e fun cara a el. Desprendía maxia, dábame medo botarlle a man e moito máis abrilo, porén a curiosidade era superior. Comecei polo medio sen saber porqué, pode que a inercia me fixese abrir de par en par o que tiña entre as mans, como se tivese un corazón que saltase á vista desvelando a súa esencia... O pouco que lin plantexábame dúbidas inmensas. Por que a protagonista estaba nese lugar, por que actuaba como o facía, quen era ela para dicirlle iso e dese xeito a outros personaxes que semellaban tan indefensos???... Pasei para a folla en branco do comezo, onde aínda a historia non existe, só o nome do título, autor e neste caso nin dedicatoria posuía. Tiña tanta intriga que quería ver o prezo pra mercalo e comezar a lelo na tranquilidade do meu sofá, como cando se fan ben as cousas, pola páxina número un e no lugar axeitado. Asombreime, desta vez, pola desorbitada cantidade que puña no lateral dereito escrito con lápiz, por moi boa caligrafía en que estivesen impresos os números. A dependenta non estaba detrás do mostrador, e a miña pregunta do porqué era tan caro tiña que esperar outro pouco, polo que decidín ir á parte inicial, onde todo comezaba. Quedei máis perplexa aínda, esta era a mesma protagonista que descubrira minutos antes no medio da súa historia? Non tiña sentido, era do máis doce, soñadora e feliz... que pasaba pra que xusto o que lera antes me amosara todo o contrario?

Parei de ler, alguén me interrumpiu cun "podo axudarlle en algo?" E aí espertei... entre o suave das sabas e o quentiño das mantas. Todo un soño. Que me quería dicir todo isto? Sabíao de sobra e supoño que vós tamén. A vida dá moitas voltas e nunca ninguén é tan bo, nin tan malo como parece. As vivencias fannos actuar dun xeito ou outro... En definitiva, deixemos de xulgar.


13/12/2011

Esperando o tempo enxoito...

Escorrégame pola caluga ata o medio das costas, atravésame o corazón partíndoo en dous ou máis cachos imposibles de compoñer; estrúllame os pulmóns impedíndome tomar case aire, forma apertados nós no estómago deixando pouco sitio para a fame, éncheme a mente de néboa, dificultando os pensamentos... as pernas móvense trémulas, febles e insensibles, nembargantes avanzan. O meu corpo despide tristeza apoiada no baleiro del cheo de síntomas incontrolables... e de tódolos xeitos, continúo. Ollo o meu redor máis escuro do normal, non logro diferenciar os días das noites, pero sigo... Conteño o diluvio dos meus ollos, e doume présa, preciso chegar a esa casa que me agarda, e, tras deixar a porta atrás sen ninguén máis ca min, busco desesperadamente a arca que Noé comezou a construír cando saín pola mañá cedo. Necesito que estea lista, preparada pra subirme e así, a resgardo, deixar que flúa a dor que sinto. Cando a tempestade remata, dure o que dure, agardo impaciente outro novo día, chea de esperanza. Pode que dita arca, refeita novamente, me espere no mesmo lugar pra salvarme e continuar navegando, ou no feliz caso, que non a precise porque o tempo enxoito se fixo unha esperada realidade.





11/12/2011

Retos

A seguridade que queremos sempre está na nosa cabeciña, pero o mundo xira e xira empuxándonos a etapas que hai que superar. Cando non facemos iso, estancámonos, quedamos inmóbiles no mesmo lugar. Podemos atoparnos en encrucilladas onde malas noites de sono dándolle voltas non nos benefician de ningún modo, pois aparece unha solución por moito que desbrucemos partes do noso cerebro sen xeito ningún que o único que consegue é afectarnos á saúde. O que está de ser, vai ser (tendo en conta a nosa predisposición), e o que non, imposible de deter. Xa o di unha frase que lin un día: "Se loitas contra a corrente, acabarás afogándote". Non sei se era así exactamente, o que si sei é que hai elementos que escapan ao noso control, tendo que adaptarnos e sobrevivir. Deixémonos arrastrar de vez en cando, sabendo que tomaremos terra en algún momento e todo volverá á normalidade, ata que outro "rápido" nos pille, máis xa saberemos como reaccionar.


Será a imaxinación... será o que queiramos que sexa

Hoxe pola tarde, acelerada por chegar puntual a unha cita, algo me fixo frear en seco. Ao saír do portal do edificio os meus ollos quedaron fixos no chan. Será a desbordante imaxinación que teño, será o azar de sen sentidos que se forman por causas descoñecidas, máis pra min era unha pista, un agasallo quizais sen máis significado que o que eu lle quixen dar. Como xa falei nunha entrada deste blog días atrás titulada "Detalliños", a vida sitúa milleiros de orixinais maneiras de alegrarnos a alma. Nesa especie de pulseira, ou conxunto de fíos dalgunha peza de roupa eu vexo un corazón. Dame igual ser unha soñadora e que pense a xente que estou coma unha cabuxiña tola. Fíxome feliz e tiven que sacarlle unha foto co móbil, non sei se pra compartilo con vós ou pra recordarme cando o precise que "todo pasa por algo". Pero aí estaba, un fermoso corazón rosa.


09/12/2011

Avisei, he!!!

Hoxe boteime unhas risas á conta dun vídeo que lle amosei a uns compañeiros. Non hai palabras para describilo... Fai anos que oíra falar del e non sei como saiu na conversa. Titúlase "2 girls 1 cup" e é facil de atopar en Google. O vídeo que poño é da reacción que produce ao ollalo, hai un cento delas en Youtube. Avisados quedades, mellor non o busquedes nin o miredes. Hahahaha... (risa malvada). Repito, a curiosidade matou ao gato.





Proxeccións

Non me atopo, non me vexo, ando perdida... entón é cando admiro en ti do que eu non dispoño, o que preciso urxentemente pra me sentir máis completa. Grande erro. Búscote porque hai partes das que carezo, ou creo carecer, e ti me amosas. Deséxoas, anhéloas, sinto verdadeira necesidade... e cando me decato que non estás, nin vas estar, é cando reacciono. Non es ti o que me falta, son eu a que non avanzou, porque pra ser feliz non tes que estar ti, teño que ser eu.



08/12/2011

Para, mundo, que quero baixar!!!

Corremos demasiado. Nesta carreira frenética sen freos e costa abaixo que chamamos vida roda sen razón lóxica a toda velocidade ata que algún obstáculo se atravesa e batemos con el de cheo. O golpe é considerable e invita a replantexarnos a onde imos, que facemos, quen somos, e outras paranoias persoais do mesmo estilo. Escoitamos moi pouco, inclusive a nós mesmos, pararse un segundo implica retorcer os miolos e sufrir, porque aparecen emocións tales como culpabilidade, medo, remordementos, frustración... Entón mellor volver a pisar o pedal e seguir, sen rumbo, ignorando cuestións difíciles de resolver. Non me gusta que sexa así, por iso párome, a cada pouco, tentando mellorar quen son e a quen me rodea cos meus actos (non son perfecta). A cadea de accións comeza por nós, fagámolo, aínda que hai intres en que dan ganas de dicir: "Para, mundo, que quero baixar!!!" e non voltar xamais.


07/12/2011

Sentidos

Hai destinos improcedentes ".", que te levan, máis non a onde queres ir, ou a onde non entendes que teñan a súa fin. Hai circunstacias que se fan curtísimas, que morren de por si por moita oposición que fagas. Onde espazos de tempo se aceleran sen poder facer nada, sabendo que o curso que sigue é inevitable, imposible de deter. En definitiva, hai fráxiles elementos que se elevan máis aló do que coñecemos, e ao mesmo tempo difíciles de baixar ata baternos de cara co mundo real. Haberá que saír adiante igual, e que eses instantes permanezan aínda que sexa de vez en cando no noso interior, de forma verídica ou ficticia, que nos carguen as pilas esperanzándonos dun presente fantástico e dun futuro aínda mellor. Aínda que soe raro, non perdamos a fe, todo, co seu sentido, avanzará.




Lady of Dreams

Esta preciosidade vai para o día de hoxe e pra tódolos días en que precisemos subir un pouco ás nubes e flotar sobre elas desconectando un pouquichiño do absurdo que nos envolve, porque soñar é marabilloso e se ademais se fai con música de fondo o éxtase é total. Desfrutádea igual ou máis do que eu agora mesmo. Graciñas a quen me fixo chegar este soño feito canción.





06/12/2011

Imperfecta

Cando esbirro dígome a min mesma: "saúde" e ollo como a xente ri, cando sinxelamente lle aforro a saliva pra que me resposten (bueno, fágoo igual aínda que non haxa ninguén para oírme); encorvo as costas cando estou diante da computadora, doume conta e intento corrixirme; teño a pel graxa e o pelo, con estrés non podo controlalo; vexo películas de medo estando soa, encántame martirizarme; chéiranme os pés, son humana e desprendo cheiros como calquera fill@ de veciñ@; canto sen parar aínda que estea no súper ou no medio da rúa, é para darme folgos; animo aos demais aínda que eu estea feita unha merda por dentro, faime sentir ben; cando como comidas fortes boto peidos sobrehumanos, síntoo pero fanme rir, aínda que teño vergoña e non o fago se podo evitalo; se me gusta unha canción repítoa mil veces ata aburrir ao persoal, non podo controlarme; ás veces non fago a cama, descúlpome dicindo que necesitan as sabas un pouco de aire; teño días preguiceiros e nin sequera me ducho se non vou saír da casa, todo o mundo se deixa un pouco de vez en cando (ou iso creo); odio pasar o ferro, hai roupa que se endereita co calor humano (e se cola, cola... hahaha...); cando unha conversa non me di nada, na miña cabeza aparece un mono tocando os "platillos" e asinto como mostrando interés, que me perdoen pero teño os meus propios paxariños dentro do cerebro; se algúen non me cae ben intento poñerme na súa pel para entender como se sinte; todos temos os nosos diaños perseguíndonos; nunca me vexo ben nas fotos nin diante do espello, a culpa téñena esas modelos tan delgadas e photoshopeadas que nos impoñen os seus criterios de beleza. E seguiría... pero non me lembro de máis agora mesmo. Acepto críticas, construtivas. Dádeme caña. ;)

05/12/2011

Detalliños

Encántame a forma en que a vida pon detalliños pequenos diante dos nosos ollos no intre exacto en que os precisamos. Poden ir dende ler unha frase que alivia o noso estado de ánimo, ver unha imaxe que nos remove os adentros facéndonos entender o inentendible, quizais un filme que toca sentimentos que se proxectan nos nosos, lugares que transmiten paz escondendo mensaxes ocultas, e inclusive persoas que aparecen por algún motivo facéndonos felices. Cando non nos fixamos é porque estamos tan centrados no problema que deixamos de ver as solucións. Procuremos estar receptivos, pese a certos momentos en que as bágoas non nos permiten discernir o que temos enfronte, agudizar os sentidos, traspasar límites auto impostos. Berremos ben forte, que ese nó na gorxa non nos impida expresarnos.

Infinitas mostras que nos amosan por onde camiñar, sen esquecer que son sinais pra evolucionarmos sen facernos dependentes delas. Pois a pista que recibín hoxe foi mediante unha frase que lin no Facebook:

"Quando não precisar de ninguém para ser feliz, é aí que você será"


Contradictorio, non si? :)



Speechless



I can't believe what you said to me
Last night when we were alone
You threw your hands up
Baby you gave up, you gave up

I can't believe how you looked at me
With your James Dean glossy eyes
In your tight jeans with your long hair
And your cigarette stained lies

Could we fix you if you broke?
And is your punch line just a joke?

I'll never talk again
Oh boy you've left me speechless
You've left me speechless, so speechless

And I'll never love again,
Oh boy you've left me speechless
You've left me speechless, so speechless

I can't believe how you slurred at me
With your half wired broken jaw
You popped my heart seams
On my bubble dreams, bubble dreams

I can't believe how you looked at me
With your Johnnie Walker eyes
He's gonna get you and after he's through
There's gonna be no love left to rye

And I know that it's complicated
But I'm a loser in love
So baby raise a glass to mend
All the broken hearts
Of all my wrecked up friends

I'll never talk again
Oh boy you've left me speechless
You've left me speechless so speechless

I'll never love again,
Oh friend you've left me speechless
You've left me speechless, so speechless

How?
Haaaa-oooo-wow?
H-ooow?
Wow

Haaaa-oooo-wow?
H-ooow?
Wow

And after all the drinks and bars that we've been to
Would you give it all up?
Could I give it all up for you?

And after all the boys and girls that we've been through
Would you give it all up?
Could you give it all up?

If I promise boy to you
That I'll never talk again
And I'll never love again
I'll never write a song
Won't even sing along

I'll never love again
So speechless
You left me speechless, so speechless
Why you so speechless, so speechless?

Will you ever talk again?
Oh boy, why you so speechless?
You've left me speechless so speechless

Some men may follow me
But you choose "death and company"
Why you so speechless? Oh oh oh

04/12/2011

Cantas capas contén unha cebola?

Hoxe é domingo, e que pouco me gustan dende non recordo cando. Non sei ben o/a causante, tería que trasladarme moi atrás no pasado para atopar a raíz do desencontro inicial, e por moito que remexese está aí a "pantasma" (termo psicanalítico), un tupido veo que oculta con xenialidade dentro do inconsciente traumas sen resolver, que nos acompañan na nosa forma de actuar, dos que non somos capaces a liberarnos sen axuda, onde nos contestamos coa imaxinación, do que pode ou cremos que somos, tapando razóns reais, capa tras capa da cebola, uhas máis finas e outras máis grosas, totalmente cubrentes, difíciles de desprender unha a unha facendo invisible o seu interior.

Autoenganámonos ata desistirmos de ir máis aló, máis sempre volta o boomerang golpeándonos con máis forza cada vez. Explicacións que se ramifican dende o talo dos pensamentos profundos, que dispoñen eclépticas solucións a tantas inquedanzas sendo a de hoxe estes fatídicos domingos. Desvíome un pouco e acho que me pasa o mesmo con cada día da semana, dá igual que sexa luns, mércores, venres... agudizándose máis ao chegar a súa fin. Moitas xornadas que se alongan deica altas horas da madrugada, amarrándome con forza a elas, tal que se o durmir fose morrer pra volver a resucitar ao día seguinte, que nada será igual. Que me aterra? A que me aferro? E aquí volven as preguntas sen resposta...




03/12/2011

Altibaixos

Observo o que me rodea, calo, agardo, suspiro, reacciono... a "montaña rusa" sube e baixa sen piedade. Faime meditar no porqué me subín a ela se sabía o que me agardaba. Nuns momentos descúbrome pletórica, capaz do que me propoña; noutros máis abaixo do que os meus pés pisan, incapaz de nada. E entre altibaixos sigo tirando do meu ser pra diante. É igual que cando saio a correr, zancadas que deixan atrás centos de problemas, loitando porque as miñas pernas resistan, cando sei de sobra que dan moito máis de si e que o que falla é a mente que pide un "basta por hoxe". Confío, quero confiar, en que o que me depara o futuro é agradable, que a recompensa chegará, que preciso calma e aguante sen virme abaixo, que tras a tormenta, por moi dura que sexa, sae don Lourenzo, o arco da vella, a claridade...

Sempre que escribo neste blog saco as tristezas, o que realmente non son, a autocompaixón, a esperanza, etc. e doume conta de que non é o meu reflexo. Non son así, e ódiome por remexer no lixo máis fedorento, repetíndome tanto que apesta. Máis isto é como unha terapia, un xeito de escorrentar o que non serve. Tentarei a partir de agora, se digo "tentarei" xa a estou cagando, sacar o mellor que teño, porque sei que o teño. E como lin un día, o sorriso hai que amosarllo ao mundo, aínda que por dentro as infinitas bágoas nos inunden, porque as costumes facémolas nós, e sen querelo aprópianse enteiramente dos nosos corpos. Un sorriso ben amplo, porque nada está perdido, hai moito por facer. Quero crer que son ese punto de luz, como os demais me ven, unha estreliña que ofrece un pouco de harmonía ao ceo na escuridade, sen pararme a imaxinar se xa está morta ou non a milleiros anos luz.






02/12/2011

Lóstregos da verdade

Esperando ao sol deixo de admirar a lúa e menos as lindas estrelas que tan ben a adornan ao seu redor, deixo de buscar formas orixinais nas nubes, de saborear o doce da choiva, de sentir a frescura do vento na face... Sei que estou viva porque respiro, pero non son consciente de que o fago ata que me falta o aire. Quixera saber porque sigo agardando esperta entre soños, ansiando metas, logros, situacións... deixando de ver o que de verdade importa (do que sempre falo, como tentando que se me pegue ben na cachola, sen conseguilo, por iso me repito tanto): esas pequeniñas cousas que nos agasalla o día a día, onde a cegueira do imposible non me deixa ver o realizable, o que xa está aquí, agora.

Non sei como cheguei ate este punto da miña curta existencia onde a falsa seguridade foise derrubando pouquiño a pouco. O futuro que ía ser, ese que anticipaba na miña cabeza, esvaeceuse. Esa imaxe prefrabicada do oasis ao que me conducía tal camiño amosou o espellismo, a irrealidade. E agora todo recomeza, dende cero, onde vulnerabilidade e forza se mesturan bipolarmente, onde medo e valentía se enfrontan, onde só hai unha única persoa que me salve, eu mesma. En flashes recordo vivencias do pasado que en certas etapas non entendía, redescubrindo motivos que me fixeron converterme en quen agora son, e deixando á vista o moito que me falta por aprender. Hai ciclos necesarios ou obrigados que non se deben eludir, muros que por moi altos ou baixos que estean, debemos coller impulso e saltalos, pasar ao outro lado. Pechar os ollos non soluciona nada así que tento reconducirme, unha vez máis, porque preciso volver a nacer. Cantas veces terei que pasar polo mesmo ou parecido? Síntome perdida, de novo, en conflicto continuo cada certo tempo que se empeña en darme unha boa labazada. A mesma pedra sitúase diante miña repetidamente, tantos erros cometín nesta ou noutra vida que teño que reparar como sexa? Desta é máis duro, toca pelexarme comigo, sen axuda. Recórdame á carta do tarot de Marsella, A Torre, significando que nin as estruturas físicas nin emocionais "que creamos" son estables, que se poden desmoronar de forma repentina, co que se inician cambios que desexamos evitar. Que debemos desprendernos de vellas crenzas, de valores que non teñen razón de ser, de relacións ou esperanzas que xa non son de proveito, de formas de vida antigas... Que o non asumir o inevitable fai que xurdan elementos negativos que nos impiden, a nós e quen nos rodea, avanzar. En resumo, un caos actual para que ao final a orde lóxica e o equilibrio se impoñan. Vivir nunha continua mentira deriva en catástrofe, o lóstrego da verdade será devastador. Eu din o primeiro paso, e ti? Ata onde estás dispost@ a chegar? Que sexa o que o universo e máis eu coas miñas decisións queiramos.