28/04/2010

Garras afiadas

Onte chocoume algo que me dixo H, non sei se sería polo cansanzo que a súa cara denotaba, que dándolle o bico de boas noites... Si, xa sei que pode ser atípico despois de tantos anos, ou non, pero algo moi noso é, sobre todo, o que me dá el de Bos días, pois maiormente ás seis da mañá aínda estou nas mans de Morfeo. Bueno, ao que ía, que isto de irme polas ramas dáseme moi ben, demasiados pensamentos acelerados neste cerebriño que non dá tempo a organizalos. E sigo polas ramas... Pois nada, que me dixo: "Ti non es mala aínda que queiras". A verdade é que me fixo cavilar sobre o asunto sen chegar a ningunha parte nun camiño con demasiados cruces. Cal é a fina liña que separa o ben do mal? Como diferenciar entre autoestima e egoísmo? Será que son demasiado servicial ou sumisa ás veces por que me nace ser así? Ou significa que busco que me aprecien? Nin idea, nembargantes o que máis me pasaba polos miolos é que realmente non sei quen son, quizais, ou que pode cambiar de mil maneiras a forma en que os outros nos ven dependendo das súas vivencias, formas de pensar e sentir. Ao mellor a outr@s resúltolle repelente por isa seguridade que sempre aparentei, nunca me gustou dar lástima aínda que necesite a berros que me boten un cable. Orgullo? Non, pido axuda ao meu círculo de máis confianza, así que orgullo non pode ser. E a outra xente parézolle do máis riquiña e agradable, e por último lugar están os baleir@s que envexan ou critican sen ningún motivo especial.

Nunha especie de viaxe astral, diríame: Foder, que tía máis... non sei, aparento tanta perfección que ata me caio mal a min mesma. Ríome, pero a realidade é outra. Se a imaxe que creo que teño é esa... puffff, ou hai un puntiño na sá autoestima que falla.

Cos anos esas perspectivas van mudando, madurando e dándome conta que teño sacado o lado escuro cando non debía sacalo e cando tocaba defender a miña dignidade... Procurar ser boa (signifique o que signifique a palabriña en cuestión) non implica que te pisoteen, infravaloren, etc. Sempre tentarei dar o mellor de min mesma, as garras xa están afiadas por se acaso...