14/12/2007

Ausencia

Levo un mesiño sen escribir nadiña de nada. Demasiado absorta na rutina diaria chea de obstáculos que son, grazas a deus, salvables. ¿Por que todo é tan complicado? Sempre oín que cando os problemas chegan, non o fan de un en un espaciados no tempo, senón que aparecen todos xuntos. Unha verdade coma unha casa, todo me fai matinar e darlle voltas, pero cando as cousas van mal, aínda máis. Creo que esta tempada cureime da suposta inxenuidade que me atribúen, a cal eu sempre califiquei de procurar ser boa persoa e esperar recibir o mesmo. Nunca é nin será así, a decepción que sinto é cada vez maior, así que volto a entrar na miña burbulla de desconfianza.

Sigo arrastrando unha gripe que xa me parece eterna, a cal me fixo caer nunha baixada de defensas cun herpes no beizo e cunha conseguinte gastroenterite que me fixo estar a vinte unllas, e non falo de temas eróticos, senón duns vómitos acompañados a un tempo de diarrea. Que mal o pasei, pero coma tódalas anécdotas pasadas agora non podo parar de rirme só con pensalo, que situación máis cómica Nunca soportei o inverno moi ben, parezo unha velliña chea de achaques. Quizais a miña forma negativa e realista de ver todo é a que máis me dana: dominar a mente sobre a materia. Esa é a mellor terapia.


"Todo lo que somos es el resultado de lo que hemos pensado. La mente lo es todo. Nos convertimos en lo que pensamos"
Buda


"La salud no es un estado de la materia sino de la mente"
Mary Baker Eddy

12/11/2007

Autocoñecemento

Cheguei a unha única conclusión de todo esto, do blog. O meu mundo interior, os meus razonamentos, inquedanzas, sentimentos, en fin... todo o que eu son; expresalo nesta especie de diario para chegar a coñecerme, saber máis de mín.

Inclusive me sirve para darme conta do simplona que podo chegar a ser cando me poño, parezo unha quinceañeira esperando a que a vida sexa da cor de rosa. No fondo sempre queda o neno/a que un día fumos, por moito que o corpo medre e cambie co paso dos anos. A imaxinación consigue que me evada da realidade, nos meus miolos constrúo un mundo mellor no que todos os obxectivos se realizan e no que o mundo enteiro é feliz. ¡Pobre inxenua!. Se esta actitude me leva a algún lado, non o sei, o que si sei é a frase que di: "Pensar é de burros" e eu debo ser a burra máis grande deste universo.



Acabo de atopar unha frase que me deixou fascinada sobre o autocoñecemento:

"Cuando veas dos caminos para elegir y no sepas por cual ir, elige el que te
diga tu corazón. Si lo haces así, nunca te equivocarás"
(Anónimo)

11/11/2007

Pensamentos

Onte foi un día estraño, sobre todo a noite. A pesares de ser un animal solitario, a maioría das veces, cando quedo con xente non podo evitar facer unha especie de estudio sociolóxico dentro da miña cabeza. A xente é tan simple, que resulta complicada. Non é prepotencia, nin superioridade a que sinto cara os/as demais. Que mundo máis aburrido se a perfección o invadise todo. Oír, ver e calar, este é o mellor xeito de comprender o que nos rodea. Quizais me abraia a facilidade de enguedellar as cousas, facer dun gran de area unha montaña enorme. Nalgún punto da existencia todos actuamos igual. Ser humano é ser imperfecto, pero con habilidades de mellorar os nosos defectos, se nolo propoñemos, anque sempre cun afán de supervivencia subxectivo. O que é bo para un mesmo, quizais non o sexa tanto para o próximo. E así se crea o bucle que nos fai tirar para adiante, o cal se chama "vida", que pon punto e final cando o destino quere. Cada vez sorpréndeme máis a capacidade humana para destruir e autodestruirse.

A sabiduría alcánzase cos anos: "Máis sabe o demo por vello que por demo". E as verdades que expoño, seguro que son só as miñas verdades. Todo é relativo.







10/11/2007

Cuspir ao aire...

Penso que acabo de volverme totalmente tola, estou escribindo nun blog cousa que dixen que nunca faría. É ben certa a frase que di: "Nunca cuspas ao aire...", a que tamén me recorda os tempos en que aborrecía e criticaba aos fumadores, con 24 anos acabei fumando. Que leccións nos vai dando a vida, a cuestión é se queremos aprender dos erros ou seguir tropezando na mesma pedra unha e outra vez.

Hoxe erguinme cedo para ser sábado, xa que onte non saín de bares. Normalmente non resucito ata as tantas da tarde. Teño a crise dos 30, penso, saio de festa coma unha rapaciña de 20 e coas consecuencias dunha vella. Acabo co corpo tan moído que me dura toda a semana. É como se quixese disfrutar os poucos anos en que aínda me podo camuflar entre a mocidade. Pero vexo que ou acabo inmadura toda a vida ou opto por seguir un camiño tranquilo e tradicional, algo que nunca me pegou demasiado. As persoas evolucionamos de maneira diferente, ou sinxelamente somos diferentes os uns dos outros. Ademais o mundo está demasiado caro como para tirar os cartos en cubatas. Ese tipo de vida está ben para Pocholo que está forrado, o resto temos que aforrar se queremos chegar a fin de mes. Pero os cartos son outra historia, tema que é mellor evitar. E xa non quero nin falar do que se gaña en saúde, que esa si que non ten prezo...