12/11/12

Máis que soños, películas oníricas

Estaba nunha igrexa, lógobre e futurista. Iso parecía. Todos vestiamos de negro, até eu, sen saber que facía alí, situada de pé na porta da entrada namentres a maioría ficaban sentados en bancos de madeira escuros. Esperaban por alguén con impaciencia, sabíao polo xeito de ollar unha portiña lateral do interior salvagardada por uns matóns musculosos.

Na fronte e na parte de atrás do templo adornaban dragóns metálicos de cor dourada, 2 bechos xigantes en total. Chamaban a atención vivamente entre tanta escuridade, ademais de polo tamaño exaxerado pola cor rechamante. Había que estar chosco pra non fixarse.

O murmurio dos crentes convertiuse en silencio absoluto ao aparecer el: un home de aparencia xoven, pel branquísima e unha melena azibache por riba dos ombreiros. Tamén vestía de negro.

O home dirixiuse con lentitude cara a un dos altares, á altura duns dos dragóns onde deu comezo un discurso. Todo o que dicía dirixíao cara a min e eu, que ficaba a bastante distancia, pensei que estaba paranoica por imaxinar iso. A xente semellaba hipnotizada, non se movían nin un milímetro mentres eu me puña máis e máis nerviosa con cada palabra súa. Comezou a describirme e falar de anécdotas da miña infancia que só eu podía coñecer. Non cabía dúbida, falaba de min enfitándome entre a multitude cun riso noxento e coa maldade reflectida nos ollos.

Sen saber porqué, coma un trebón mental, souben que os dagróns formaban parte dun feitizo e que tiña pensado enfrontalos o un contra o outro activando un botón que agochaban baixo unha das ás. Era como se me espertase un tipo de videncia, pois tamén sentía a alma dos bechos, outra vez sen saber o como nin o porqué: un era miña nai, o da parte de atrás, e o que estaba preto del era outro ser querido (que agora non lembro quen).

Comecei a sentir rabia, era unha chantaxe pra que me pasase ao seu bando, non sabía o motivo de incitarme a tal decisión. De súpeto, anoxada, lancei coas mans unha bola de enerxía branca e brillante tentando evitar que os activase. Sorprendida polo meu poder estraño e mentalizada en salvar aos meus, aproveitei o momento, corrín cara o dragón que tiña máis preto e, premendo un botón que puña "reset", conseguín desprogramalo. Sabía o que facer en cada intre, era desconcertante o que sentía e vía.

O predicador, ao tempo da miña fazaña, ergueuse pra ir cara o dragón do seu lado, a tentar activalo ou quizais destruílo. El era moi forte, recuperárase axiña do meu ataque.

Entre tantas emocións devastadoras produciuse outra especie de milagre: nas miñas mans apareceu unha espada grande e aí decateime do que medrara a miña forza outra vez. Fun cara a el cunha rapidez tamén descoñecida antes en min e, procurando evitar que conseguise o seu obxectivo, comecei a descuartizalo pillándoo desprevido. Notaba a súa maldade que me enfurecía poñéndome máis agresiva. Unha vez crin que xa estaba morto, parei de cortar. A súa cabeza non deixaba de sorrir e soltar altas gargalladas pese a estar sen vida. A xente seguía sen moverse. A miña ira marchara, máis a pena seguía en min pois non sabía como devolver a miña nai de dentro dese becho xigante e metálico.

Nese instante voltou outro trebón mental, vía máis seres malignos, descendentes deste predicador. Descoñecía a orixe das visións, de tantas e novas capacidades. Vía mozos e mozas con aparencia externa atractiva e posuidores dun carisma sen igual, todos mesturados entre xente de ben. Non sabía con exactitude se gañara a primeira batalla, porén tiña claro que a guerra acababa de comezar.

05/08/12

Cadeas imaxinarias

Púxose na punta dos pés, ergueu a man endereitando o brazo o máis que podía nembargantes non daba chegado, os seus soños ficaban lonxe de máis. A bola negra, enferruxada e pesada, atada cunha cadea á súa perna esquerda impedía o movemento. Unha bola que só vía ela, cargada de tristeza, recordos e medos.
Cada día que pasaba comía menos, conseguindo que fraquease en forzas. Tantos cambios tíñana totalmente desubicada, aillada por vontade propia sen case afectos nin quen puidese entendela, botarlle unha man pra ver que nada era real, que hai que soltar lastre pra poder avanzar e que un mesmo é quen se detén entrando na espiral de desilusións. Tiña moito ao seu alcance, porén non podía velo, dentro da escuridade a plena luz do sol nunha morte lenta en vida pese á aparencia externa de mil cores. Padecía un pouco tamén de "terribilite", ese cúmulo de emocións negativas que rodan cal alúde sendo a onda expansiva cada vez maior destrozando todo ao seu paso. Os intentos que facía por saír non parecían nunca suficientes, non lograba velos, vía só o moito que aínda lle quedaba, e o primeiro: desfacerse desa áncora imaxinaria que seguía atándoa á escuridade pese a non pertencer a ninguén nin a ningures.


02/08/12

Remando

No primeiro intre de saír da perruquería pensei: ¿que fixen? Ás veces aínda me custa recoñecerme ao pasar por diante do meu reflexo e penso: ¿quen é esa? Parece mentira o que pode facer un cambio de look tan simple como aclarar a cor do cabelo. Sempre que algo muda en min (ou quero que mude) fago un cambio no aspecto exterior, unha simbiose entre o interno e o externo, recordándome os porqués ao verme. 

Hoxe ando incubando unha gripe ou algo semellante e a mente acompaña ao corpo nese estado doente. Rebélase dicíndome que vai custar, que o esforzo ten que ser moi grande pra ver os resultados e protesta á súa maneira, enfermando. Xa din que somos mente, corpo e espírito. Tamén me pregunto cal é o sentido de tanta introspección, ¿a onde me leva? Hai días en que apetece abandonarse, de fuxir dos pensamentos cunha longa carreira enfundada en roupa deportiva, meditación ou unha boa charla coa xente que me coñece ben facéndome sentir que todo o que acontece paga a pena, que a vida di "espera un pouquiño máis". Os que parecía que estaban e non están pode que teñan os seus propios conflictos e non poidan reaccionar, máis como me dixo H: os amigos estamos pra iso, sempre, pase o que pase. Quen non están "non lle busques explicacións nin desculpas, esquéceos". A verdade é que pode que teña razón, pois eu podo estar "fodida" máis sempre disposta cando alguén que quero me necesita. En fin, que dá igual que sexas bonita, fea; alta, baixa; intelixente, aparvada; triste, alegre; toxo, amorosa... quen te quere, enténdete e está ao teu lado aínda que sexa mediante a tecnoloxía cando hai distancia por medio. A vida sen apoios sería imposible, non somos náufragos perdidos nunha illa deserta. Non sempre fago ben as cousas, porén sei de sobra que intento aprender dos erros e mudar xeitos destrutivos de vivir e, tamén sei, que si hai quen te ve máis aló do que as palabras din, que ve quen es realmente. Non sempre o que acontece é culpa de unha malia que así o crea. Náufraga, segue remando!!!

Hoxe saqueime fotos, ¿pra recordar o que dixen antes?




25/07/12

Raiaduras


Este blog éme igualiño que unha sesión de psicanálise, exceptuando de que as pausas e rectificacións que preciso teño que buscalas eu mesma (ou grazas a conversas e interaccións con outra xente para ben ou para mal) e, aínda que igual ou máis lento, afórrome os 60 euros semanais. Pra moitos isto é unha raiadura infernal, pra min pode que tamén máis como é "meu" fago o que me peta e, sen ánimo de faltar, quen non queira ler que non lea, porén creo que non son a única que pasa por isto e igual axuda a pensar a quen non se atreve a facelo. A espiral é inmensa e interminable, pero cando boto a vista atrás doume conta de que valeu a pena o recorrido, e o que me queda!!! Quizais non teño os coñecementos indispensables (quédame moito por vivir, aprender, ler, compartir...) e me erre moitísimas veces, máis pasiño a pasiño faise o camiño (e ata rima). Sorpréndome a min mesma en cada post, non do xeito que espero, senón de que vou vendo as mutacións que sofren os pareceres e do cambiantes que chegan a ser os pensamentos que, unha vez relidos, fan que me estrañe do que expoño e pense se son eu realmente a que escribiu iso. Un xeito de xuntar pezas abríndome a outras realidades, deixando aos poucos subxectivismos que me encaixan en patróns de conduta que non me levan a ningures e, de paso, orientarme a novas e diferentes emocións.

Sempre oín que o máis importante é recoñecer onde fallas e de aí dar co xeito a transformarte, nembargantes sen condicionarse polo que os demais esperan de ti, con personalidade e sen deixarse influenciar por outros pra te sentires aceptado. A esencia de quen son ten que permanecer inmutable ao que rodea e, sen danar, forxarme como a persoa que son e quero ser. Sempre pra ben. Pois nada, que queda raiadura pra "rato" e gato.

24/07/12

Entre cancións

video
Sempre fun consciente do que me gusta e me enche cantar, é a faceta na que máis me vexo a min mesma, Mar ao 100%, plena e feliz. Este vídeo é de onte, non daba durmido e morría de calor e o que me apeteceu foi cantar aínda que fosen as catro da mañá e gravarme pra verme reflexada no que máis me gusta facer no mundo mundial. Tentei non facer moito ruído pra non molestar aos veciños, pero iso é o bo de vivir nunha casa en vez de nun piso, podo permitirme o luxo de botar uns cantos berros de cando en cando pra sentirme ben. Esas pequenas cousas...